O Concello de Foz, a través da área de Participación Cidadá, iniciará proximamente un proceso participativo para a selección de diferentes nomes destinados a once rúas da localidade que carecen del na actualidade.
Con esta iniciativa, o Concello quere contar coa opinión de todas as veciñas e veciños, abrindo un prazo dun mes para a presentación de propostas. As proposicións poderán realizarse tanto de xeito presencial como a través de correo electrónico, facilitando así o acceso a toda a cidadanía.
Nos vindeiros días publicaranse as bases que rexerán esta iniciativa, as cales poderán consultarse tanto na web municipal como nas redes sociais do Concello. Cada persoa poderá presentar un máximo de tres propostas. Os nomes deberán estar relacionados con Foz ou ter un significado especial para o noso Concello e excluiranse figuras políticas, xa representadas na rúa Corporacións Municipais: poderán ser accidentes xeográficos, persoeiros ilustres ou pertencer a outra temática. Teranse en conta propostas de nomes de mulleres relevantes da nosa historia, que de forma tradicional non tiveron o recoñecemento que merecían. A proposta de exemplo, poderiamos citar como representativos de Foz unha futura Rúa do Entroido ou unha Rúa Suso Fernández.
Unha vez recibidas todas as suxestións, procederase a unha primeira selección daqueles nomes que cumpran cos criterios establecidos nas bases. Posteriormente levarase a cabo unha consulta pública e aberta na que poderán participar todos os empadroados no municipio, que escollerán, entre as propostas finalistas, os nomes que mellor representen as once vías públicas para posteriormente elevalo á xunta de voceiros da Corporación para a súa oficialización en pleno.
A concelleira de Participación Cidadá, Elena Martínez Pena, salientou a importancia desta iniciativa: “queremos fomentar a participación activa das veciñas e veciños neste proceso, xa que as súas achegas poden resultar moi enriquecedoras para a nosa vila. Ademais animamos aos centros educativos do municipio a implicarse e formar parte deste proceso, xa que é unha oportunidade para que a mocidade participe na vida pública e coñeza mellor a historia e identidade de Foz”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pretende que a consulta pública se converta nun “exercicio colectivo de recoñecemento a todo aquilo que nos representa e a todas aquelas persoas relevantes da nosa historia que contribuíron ao Foz que somos hoxe. Creo que é unha obriga recoñecer o esforzo dos que nos precederon, aínda que farían falta moitas máis rúas para que todas e todos tivesen a homenaxe que merecen”.
Dende o Concello de Foz anímase a toda a veciñanza a participar activamente nesta iniciativa, que “pretende fomentar a implicación cidadá no recoñecemento da nosa identidade e memoria colectiva da vila”.

