Este venres, día 17 de abril, o Concello de Foz pechou ao tránsito peonil a ponte da Ronqueira, no paseo marítimo Rapadoira-Llas.
O alcalde, Fran Cajoto, explica: “vimos facendo un mantemento continuo no entarimado e elementos de seguridade da ponte. A finais do ano 2019 fixemos unha renovación nos pernos e placas dos estribos, pero despois dunha análise máis profunda por técnicos de Costas optamos por pechala para garantir a seguridade das veciñas e veciños. Os soportes metálicos das vigas transversais e algúns tirantes rixidizadores non presentan bo estado de conservación. Ao ser actuacións que exceden con moito o normal mantemento, solicitámoslle a Costas a substitución dos elementos danados para prolongar a vida útil da ponte e que se poida reabrir con seguridade”.
O rexedor municipal anuncia tamén que “a comezos da próxima semana Costas vai a publicar no BOE a adecuación definitiva do paseo en Arealonga na zona de Fazouro, entre a antiga ponte da estrada Nacional e a baixada do Castro: serán uns 450 metros de paseo de 2,5 metros de anchura cun orzamento de 301.000 euros. Con esta actuación solicitada polo Concello Costas vai a adecuar un trazado que usan a diario moitos veciños e que é a única senda viable despois dos últimos derrubes. Despois deste trámite Costas abrirá unha licitación para contratar os traballos. Estamos pendentes tamén de recibir documentación técnica do Ministerio e adquirir os terreos necesarios para retranquear o paseo na Cala de San Pedro, en Cangas. Hai dous anos do derrube e Costas publicou a aprobación provisional en outubro do 2025, falta a definitiva”.
“Seguimos traballando para manter nas mellores condicións máis de 15,5 quilómetros de paseos marítimos, que son xa unha das nosas señas de identidade”, remata Fran Cajoto.

