Os días 27, 28 e 29 de marzo celébrase en Foz a sexta edición do Torneo de Minibasket M&W, organizada conxuntamente co CB Celtas Foz e a ADC Drocer.
Este evento deportivo “convértese nunha cita de referencia na Mariña lucense na fin de semana previa ó inicio da Semana Santa”, destacan os organizadores, que tamén anuncian que “nesta edición participarán un total de 5 clubs diferentes con equipos en categorías minibasket masculino e feminino e preminibasket mixto, xuntando 15 equipos e un total de 220 participantes con idades comprendidas entre os 8 e os 11 años”.
Os partidos celebraranse no Pavillón Torques de Marzán e no Colexio Martínez Otero. A organización deste evento conta coa colaboración do Concello de Foz, a Xunta de Galicia e o Servizo de Deportes da Deputación Provincial de Lugo, así como do Colexio Martínez Otero de Foz.
O concelleiro de Deportes en Foz, Ángel Fernández Neira, puxo en valor o traballo da asociación Drocer e do Club de Baloncesto Celtas de Foz: “hai que destacar o traballo desinteresado de tantas persoas que as une o amor polo baloncesto, un deporte que é un dos exemplos máis destacados de traballo en equipo. O esforzo ten froitos: cada vez máis pequechos se apuntan ás categorías inferiores do Celtas. Non podemos máis que colaborar con eles e felicitalos”.

