Nov 14, 2025 | Foz ao día, Novas

O Concello de Foz prepara un pleno do mes de novembro con importantes puntos económicos. Entre eles está a conxelación de taxas e tributos para o ano 2026.

A concelleira de Economía e Facenda, Inés López Couto, explica que “ausencia da figura de interventor municipal na maior parte do ano 2024 provocou un retraso no pago das facturas e das subvencións nese exercicio, que condicionou tamén os créditos do exercicio 2025”. Pero destaca que “a situación financeira do Concello de Foz é moi boa. Os gastos do Concello están equilibrados cos ingresos, incluso por debaixo.

O traballo agora céntrase en regularizar unha situación sobrevida da ausencia da figura do interventor. Os gastos que non foron feitos efectivos ímolos subsanar cun suplemento de crédito que levaremos ao pleno do mes de novembro, por un importe total de 1,3 millóns de euros. Nesta cantidade inclúense 360.000 euros de facturas conformadas do ano 2024, 77.000 euros pendentes de subvencións a clubs e asociacións do ano 2023, máis de 177.000 euros para as subvencións a clube e asociacións para o exercicio 2025, 21.000 euros para o convenio coa Dirección Xeral de Tráfico para a informatización da aula de exames e garantir este servizo no noso Concello, máis de 15.000 euros para o arranxo da cuberta do consistorio municipal e máis de 65.000 euros para a cantidade que debe aportar o Concello de Foz para a renovación completa do Campo de Fútbol de Malates -os 250.000 euros restantes son aportados pola Deputación de Lugo-“.

O equipo de goberno e o interventor municipal mantiveron este venres sendas reunións cos grupos municipais do BNG e Partido Popular, aos que lles expuxeron as propostas que se incluirán no vindeiro pleno, que se adiantará previsiblemente ao martes día 26.

A sesión incluirá tamén un punto para o recoñecemento extraxudicial das facturas do 2024, un Plan Económico Financeiro técnico debido a ausencia de persoal técnico no 2024 e a proposta de adxudicación da mesa de contratación da xestión do Ciclo Integral da Auga.

“A redución de gastos para o 2026 froito da adxudicación da auga e o aumento das entregas a conta dos tributos do Estado van a permitirnos conxelar as taxas e tributos para o próximo exercicio, incluso aumentando a inversión. Isto é posible grazas a un traballo serio de regularización nas contratacións, polo cal lles teño que agradecer aos servizos técnicos e persoal do Concello o esforzo realizado. O próximo fito será a elaboración dun novo orzamento para o exercicio 2026. Os datos positivos no económico, no aumento de poboación e de inversións en Foz é moi esperanzador. Somos un concello dinámico económica e socialmente, debemos centrarnos en ofrecer vivenda social para o vindeiro ano, é o noso gran obxectivo”, remata Inés López Couto.