Xuñ 24, 2025 | Bitácora Focega

Matrimonio galego de fins XIX. Sindo Penelas García, en Ollar Galicia.

Neste artigo imos falar da figura, que non da obra, dun veciño de Vilaronte; intentarémonos achegar á vida de Xosé Alonso Ramos. Vida que ten valor pola súa obra, a fundación da escola pía de Vilaronte, tamén coñecida como a escola de Xinzo.

O cronista oficial de Mondoñedo, don Eduardo Lence Santar, escribía no xornal El Progreso de Lugo (1917, 28 de abril) un extenso artigo sobre a vida e a figura deste home.

Despois da lectura dese artigo, ademais da consulta dos protocolos notariais nos que se fai mención a Xosé Alonso, podemos dicir que este era fillo de Carlos Alonso Ramos e de Xosefa Blanco Legaspi, ambos veciños de San Martiño de Mondoñedo, e que casara dúas veces: unha con Nicolasa Pillado (falecida en marzo de 1823) e outra, con Antía Basanta (a voda tivo lugar entre xullo e agosto de 1825). En ningún dos dous matrimonios tivo descendencia Xosé, pois Antía tiña un fillo do seu primeiro matrimonio.

Xosé entrou na historia do noso concello por ter fundada unha escola de nenos e nenas no lugar de Xinzo; mais, neste artigo tan só imos falar da figura de Alonso Ramos, pois, en posterior artigo afundirémonos no estudo da mencionada escola.

Dicíamos antes que casara dúas veces e que en ambas ocasións non tivera fillo algún, feito que, supoñemos, o motiva para levar a cabo tal fundación.

Do que si lle quedara do primeiro matrimonio fora dous cuñados (Xosefa Pillado e Xosé Corral); este último será o encargado de levar a cabo, seguindo o estipulado no testamento, a fundación da escola pía.

O seu segundo matrimonio será con Antía Basanta. Esta era filla de outra Antía Basanta e de Francisco Fanego, ambos veciños de Vilaronte.

Antía era, como Xosé Alonso, tamén viúva. Estivera casada con Xoán Alonso Rigueiriña, falecido este en novembro de 1821; quedando do matrimonio un neno chamado Manuel.

O primeiro marido de Antía, Xoán Alonso Rigueiriña, veciño de Vilaronte, destacou como piloto dunha goleta, a Nosa Señora do Carme, coa que comerciou con Burdeos e levou a cabo accións corsarias ao servizo de armadores corsarios de Baiona. Resulta tan interesante a vida de Xoán Alonso que coidamos que ben merece un artigo aparte.

Volvamos á voda entre Xosé Alonso Ramos e Antía Basanta que, polo que sabemos, eran primos, razón pola cal tiveron que pedir permiso papal para poder casar “que siendo como son parientes pro grado de afinidad para contraer matrimonio acudieron a su Santidad” (Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Protocolos Alonso Samaniego. 1825, 27 de xullo).

Cando tivo lugar a voda?

Na consulta de protocolos notariais atopámonos cun datado o 27 de xullo de 1825 no que, tanto Xosé Alonso como Antía Basanta, aparecen como solteiros; pero noutro do 8 de agosto dese mesmo ano xa os referencian como casados. Resulta curioso que a redacción deste último  protocolo levouse a cabo “en el lugar de la Espiñeyra y situacion que nombran de la Boleta, feligresia de San Juan de Villaronte”; edificación que continúa existindo hoxe en día baixo o apelativo de Finca Goleta e na que moraba o novo matrimonio.

Xosé Alonso Ramos, ao outorgar o testamento, no mesmo que funda a escola de Xinzo, estipula o seu desexo de ser soterrado no campo santo de Vilaronte dentro dunha caixa de madeira, amortuxado co hábito do Carme, e sobre o seu cadaleito manda colocar unha cruz de madeira de castiñeiro “de la altura de seis cuartas y una de ancho, pintada de verde con la inscripción que esprese mi nombre y apellido, el día en que halla fallecido y en que edad y su final las dulces palabras de Pater Nostri Ave Maria Gloria Patri, con la figura de una calavera y los huesos cruzados”.

De onde lle ven a riqueza a Xosé Alonso Ramos?

Todo nos fai pensar en que xa o pai era un home con capital económico, pero debemos seguir investigando ata poder afirmalo.

Os eixes da riqueza de Alonso Ramos sustentábanse en catro piares:

  1. Administración de Fincas.

Nun protocolo do 13 de abril de 1825 aparece o noso protagonista como “administrador general de los bienes y haciendas de la casa principal de la torre en este partido, de la que es dueño el caballero don José Quiroga y Quindós” (Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Protocolos Alonso Samaniego. 1825, 13 de abril). Polo tanto, Xosé era o encargado de cobralas rendas das fincas pertencentes á casa-torre de Vilaronte, traballo polo cal cobraba, seguramente, u bo estipendio.

  1. Aluguer de Bois.

Na relación de bens que executa en xullo de 1825, para inventariar os bens que aporta ao segundo matrimonio, figuran un total de 30 bois,12 vacas, 2 xatas e 1 macho valorados todos en 13.945 reais. Como ninguén pode manter tanta gandería na casa, e para sacarlle beneficio, tiña alugcados os animais nas seguintes parroquias:

En San Martiño de Mondoñedo e San Xoán de Vilaronte 17 persoas levábanlle alugados 17 bois, 12 vacas, 2 xatos e 1 macho; ascendendo o total do aluguer á cantidade de 9.745 reais.

Na parroquia de Santiago de Foz catro persoas levaban un total de 7 bois valorados en 2.450 reais.

En San Acisclo unha persoa leváballe un boi valorado en 450 reais.

En Bacoi unha persoa leváballe dous bois por 500 reais.

En Santo Tomé de Recaré unha persoa levaba dous bois por 800 reais.

Na casa tiña Xosé Alonso dous bois, que empregaba na labor do campo, valorados en 800 reais.

En 1826, Francisco Bello, veciño do barrio de Cainzal, aseguraba ante o escribán que Xosé Alonso “le tiene puesto una yunta de bueies para el grangeo de su labranza”; tendo que pagar todos os anos nove ferrados de trigo. Para avalar o pago hipotecaba un prado, de tres ferrados, que tiña no lugar da Arnela.

Nese mesmo ano alugaba a Xosé Nécega outra xunta de bois por 8 ferrados de trigo limpo e colocado na casa de Xosé Alonso, hipotecaba para facer fronte ao pago unha herdade que tiña en Peizás.

  1. Comercio de Liño.

No inventario mencionado de 1825 figura un total de 2.000 reais invertidos en lenzos.

Na documentación anteriormente citada figuraba tamén certas débedas monetarias produto do comercio de liño que radicaban nos seguintes lugares:

Madrid.

Cosme Alonso Ramos, seu irmán, afincado en Madrid, debíalle 129.956 reais; aínda que descoñecemos se todos eses cartos son froito do comercio de lenzos.

Outras persoas que lle debían cartos por este comercio eran: Bernarda Luengo, da mesma localidade, 3.881 reais. Tareixa Hortal e fillo, 3.645 reais. Manuela de la Peña debíalle 2.013 reais.

Xetafe.

No ano 1828 Xosé Alonso recoñecía, ante o escribán, que o 31 de xullo de 1825 enviara a Manuel García, veciño de Xetafe, “partida de lienzos, continuando desde entonces hasta ahora, remesándole mensualmente en distintas cargas del mismo género, importantes unas y otras, la cantidad de ciento setenta y ocho mil treinta y ocho reales” (Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Protocolo Xoán Antón Millán. 1828,10 de setembro).

O citado Manuel debíalle o total de 37.428 reais.

Outra persoa, veciña de Xetafe, era Xerome García, que si ben estaba aveciñado nesta poboación era  natural da parroquia de Arante, e debíalle un total de 1.363 reais. Domingo García, alias Paleo, tamén de Xetafe, debíalle 1.802 reais. Por último, Domingo Rodríguez, alias Costa, tamén desa poboación debía 13.954 reais.

 

Tasca do liño. María Xesús Vázquez Castro, en Ollar Galicia.

 

 

Maragatos.

Xosé Alonso, maragato veciño de Astorga, débelle ao veciño de Vilaronte a cantidade de 2.514 reais. Marcos Otero, maragato de Lagunas, Astorga, 8.345 reais. Francisco Junquera Valadrón e seu irmán, de Villar de Ciervos (concello de Santa Coloma de Somoza), débenlle 6.913 reais. Manuel Fuertes, maragato veciño de Villa Libre, 800 reais e Brais Rodríguez, maragato veciño de Santiago Millas, 2.814 reais.

  1. Préstamos monetarios.

No século XIX, e ante a inexistencia dunha rede crediticia, eran as persoas con pecunio as que prestaban cartos aos demais. Non era unha obra caritativa, senón un negocio, tal e como acontece hoxe en día cos bancos.

As persoas que prestaban recibirían a cantidade prestada máis os intereses; pero, para evitar un impago, algo que podía producirse, os prestamistas soen esixir que se hipoteque unha propiedade, que serve de aval e garantía en caso de non pagar.

Como Xosé Alonso era o encargado de cobralas rendas da casa-torre de Vilaronte presumimos que tería efectivo, do cal reservaría unha cantidade para préstamo.

Cando o noso protagonista realiza o inventario de bens anota, como debedores de cantidades económicas ás seguintes persoas:

Manuel García, veciño de Cabarcos, debíalle 7.136 reais; Manuel María Pardo e Villares, prior de San Martiño de Mondoñedo, debía 2.000; Francisco Palmeiro, de Budián, 1.000 reais; Antón Rodríguez, de Foz, 5.000 e seu irmán, o presbítero Pedro Rodríguez, a cantidade de 945 reais; Antón Mariño, tamén de Foz, debía 1.390 reais.

Se sumamos todo o que figura en concepto de débedas danos unha cantidade de 207.428 reais, que semellan unha fortuna para a época.

Pero claro, Xosé Alonso tamén debe cartos a certas persoas:

A Elías Fernández, de Vilaronte, 10.445 reais.            Ás amas do cura de Vilaronte, 33.000.

A Francisco Rodríguez, de San Martiño, 3.756.          A Antía Basanta, 11.669.

A Carlos Fernández, de San Martiño, 1.254.               A Antón Casas, comercio de Ribadeo, 11.801.

Ao Cabido de Mondoñedo 200 reais.

Sumando as débedas danos a cantidade de 72.125 reais.

Ata o de agora isto é o que podemos dicir dese benfeitor de Vilaronte, polo menos da súa vida e negocios, pois as súas obras benéficas serán obxecto dun novo artigo.