O Santo, 1962. Facebook Antiguas Fotos de Foz. Cilia de Torna. 2018, 10 de maio.

O fin de semana pasado, o que abarcaba os días 9 a 11 de maio, no monte da Agrela tivo lugar, outro ano máis, a festa do Santo, na que se conmemora o milagre que San Gonzalo realizou e polo cal as costas da diocese mindoniense, e sobre todo San Matiño e Foz que eran onde ían desembarcar, se libraron das espadas dos normandos (viquingos se o preferimos).

Esta festa foi mudando ao longo do tempo e pasou de ser unha reunión de familias e grupos de amigos xuntos no monte durante todo o día da festa a grupos, familias e pandillas acampadas no monte do Santo durante tres días.

Neste artigo imos abordar o tema da existencia desta festa no século XVI (probablemente) e XVII (tal e como asegura a documentación) e a súa continuación durante o XIX. O estudo desta festa no século XX merece un capítulo aparte, por iso non o incluímos neste de hoxe.

A festa na honra de San Gonzalo comeza o fin de semana anterior ao da Festa en si, e comeza co traslado da imaxe de San Gonzalo dende a Basílica de San Martiño ata a súa ermida na Agrela. Remata a festa  o fin de semana despois da verbena co retorno da imaxe dende a ermida a San Martiño.

A prensa, entre os moitos titulares que empregou para falar da festa, dicíanos que era unha celebración que se levaba realizando máis de trescentos anos. Podemos pensar que é unha esaxeración por parte da xornalista para que o lector se achegue ao artigo, pero, se pensamos iso estamos enganados, a xornalista non esaxerou senón que se quedou algo curta.

Documentalmente falando, e como xa temos referenciado en varias ocasións, a noticia máis antiga sobre o traslado da imaxe de San Gonzalo ata a súa ermida data do ano 1671, polo tanto dende hai 354 anos celébrase esa tradición; pero resulta que é máis antiga aínda.

Pensemos que o culto a San Gonzalo na actual basílica de San Martiño era anterior ao século XVI. Sabemos que a pintura do milagre de San Gonzalo, que se conservou íntegra ata mediados do XVIII, databa do ano 1505; aínda que arquiveiro catedralicio, don Henrique Cal Pardo, coidaba que a data que aparecía no mural non era a da súa creación, senón da súa reconstrución, que trataba máis dun repintado dunha pintura anterior que a execución dunha nova.

Nese mesmo século XVI existen dúas referencias escritas  relativas ao culto a San Gonzalo: unha, en 1540, que nos di que si, ao pasar polo rego de Lavalas mans, rezabas un noso pai en honra de Xesús Cristo e outro en honra a San Gonzalo gañábanse cen días de indulxencia.

A segunda é de 1549, ano no que o  cóengo Xoán Bautista Madrid visitaba a igrexa de San Martiño atopándose cunha “imagen que estaba en un altar que dixeron que hera de un obispo, que fuera obispo del dicho monasterio siendo catedral, y mandola poner en la sacristia e que mas no lo tubiesen alli atento que le consto que a la dicha ymagen la adoraban y hazian otros sacrificios y ofrendas no siendo de Sancto conoçido ni canonizado porque ansi era debido”.

O texto anterior estanos a falar da existencia dun culto a San Gonzalo moi presente na parroquia, razón pola cal coidamos que a orde dada polo cóengo non tivo aceptación ningunha.

Somos conscientes que ambas referencias non falan, en ningunha das dúas, da existencia da ermida do Bispo Santo; pero hai un documento, este redactado no ano 1569, que nos fala da compra, por parte do Oidor Saavedra, de varios casais e propiedades nas parroquias de San Martiño, Vilaronte e Foz. Unha delas era un muíño situado en Mourente que lindaba “de otra parte en otro camyno que ba de Mourente para la ermida de Agrelo”. Polo tanto xa existía a ermida e, polo tanto, o culto e a romaría.

A fins do primeiro cuarto do século XVII, en 1625, ten lugar un enfrontamento entre o cabido mindoniense e o párroco de San Martiño. A razón hai que buscala no desexo, por parte dos membros da catedral, de recadar eles as esmolas que se recollían na ermida do Bispo Santo. Por esa razón mandaran ao cóengo Francisco Paternina. Este home subía ata a ermida para colocar cadeados, tanto na porta principal como na capela maior, para poder eles recadar as citadas esmolas. O citado cóengo dicíanos que “en la dicha hermita se azen y ban a ella cruces de alderedor y ban a la dicha hermita los domingos y dias de fiesta algunos debotos y romeros”.

Esta afirmación fainos pensar que o traslado da imaxe de San Gonzalo, acompañado das cruces parroquiais, tiña lugar xa antes de 1625. Seguramente, de pensar iso, non estaríamos errados pero, por prudencia, tomamos o ano 1671 como primeira referencia documental ao traslado da imaxe de San Gonzalo, aínda que cada vez somos máis partidarios de retrasar esa data ata 1625.

Que pasou nese ano de 1671?

O día da véspera da Ascensión acudían a San Martiño os curas de varias parroquias acompañados dos seus fieis, que camiñan detrás da cruz parroquial. En caso de que un párroco non acudise un ano sería multado co pago dun carneiro a favor do cura de San Martiño. Este, pola contra, tiña a obriga de dar de comer a todos os párrocos que acudisen á procesión, e que non eran poucos, pois, e segundo a documentación, “La bispera de la Ascenssion concurren y son obligados las siguientes cruzes a benir a la hermita del gloriosso San Gonzalo: La de Mouzide, San Esteban de Mouçide, Nuestra Señora de Bacoy, Santo Azisclo, Santa Cecilia, San Esteban de Oyran, San Gillao de Cordido, San Julian de Nois, San Pedro de Cangas, Santiago de Façouro, San Juan de Villaronte y Santiago de Foz”.

Para organizar tan numeroso grupo no acto do traslado da imaxe de San Gonzalo acórdase que en primeiro lugar iría a cruz parroquial de San Martiño, da que forman parte o cura e todos os sacerdotes beneficiados da parroquia. Despois dela irían as cruces de Vilaronte e Foz e despois todas as demais.

O problema xorde cando se chega a un lugar estreito polo cal as dúas cruces non pasan xuntas; como ningunha das dúas quería ceder o segundo posto presentouse unha demanda, que, para aforrar cartos, a someteron ao ditame de Lourenzo López de Moscoso. Este salientable persoeiro ditaminaba que era a cruz de Vilaronte a que debería pasar en segundo lugar, pero os de Foz non estaban por acatar esa norma e na seguinte procesión, en vez de agardar a que pasara Vilaronte, coláronse eles.

Esta tensa situación estala no ano 1671, ano no que “hubo junto a la capilla otra contienda entre los vecinos de Foz y los de Villaronte, viven aun oy testigos presenciales  y  me aseguran que hasta las mugeres de Villaronte traian debaxo de las ropas las mazas del lino y venian de mano armadas y comenzaron a sacudir a los de Foz. Estos, sin embargo de ir bien  descuidados, hicieron una defensa mui estremada ganando el terreno y haziendoles huir dispersos”.

O máis grave deste enfrontamento parroquial non foron os feridos (que logo curarían) senón que a parroquia de Vilaronte mudou a peregrinación e deixou de acudir ao Santo para dirixirse á capela da Virxe do Carme de San Martiño; Santo Acisclo e Santa Cilla tamén deixaron de concorrer á romaría do Santo “y las mas cruzes, presumo yo, faltan desde dicho año de 71. Solamente Foz persevera sin decadencia hasta oy”. Quen isto escribía era parte interesada pois trátase do párroco focense don Diego de Quindós, no ano 1753.

A principios do século XVIII, en 1704, confecciónase un expediente para remitir a Roma solicitando a santidade de San Gonzalo, porque aínda que non o pareza, e despois de tantos anos, non estaba canonizado oficialmente, nin o está agora.

Interésanos este documento pola información que facilita sobre o poder de convocatoria desta festa pois dinos  “que ademas de la devocion que en este obispado se tiene con dicho Santo, concurren del principado de Asturias y otras partes muchas personas enfermas y achacosas y los que pasan en peregrinazion al Apostol Santiago acuden asi mismo a visitar la ermita de dicho Santo y hazen alli sus romerias”.

E así chegamos ao século XIX cunha romaría do Santo que convocaba a “multitud de navegantes en grata conmemoración del naufragio de la escuadra normanda acaecido en alta mar, frente a dicha capilla por los años 846, siendo San Gonzalo obispo de la iglesia de San Martín”, tal e como Pascual Madoz nos dice no seu dicionario do ano 1848.

En 1867, Villaamil e Castro, mencionaba a ermida do Santo informándonos que nela “se da una concurrida romería en el lunes de la Pascua de Pentecostés, hoy ya no tan productiva como en otros tiempos de exvotos y ofrendas”.

A festa, tal en como relataba Villaamil en 1869, comezaba pola mañanciña do luns de Pascua de Pentecostes, momento no que os camiños que subían cara a ermida empezaban a encherse de xente  “de ágiles marineros … de tardíos paisanos, cultivadores …de tal cual rapaza garrida luciendo en su cabeza y hombros pañuelo y dengue de llamativos colores, y de no pocas vellas un tanto supersticiosas“.

Para Villaamil esta romaría non se diferenciaría das noutras se non fose porque esta tiña algo distinto a todas as demais “el lúbrico atractivo de ser de rigor el pasar la noche al raso en las inmediaciones del santuario, agradable ya que no muy pudorosamente mezclada la mocería de ambos sexos” (Villaamil 1869). Iso de quedarse a durmir no Santo resulta máis antigo do que, seguramente, pensábamos.

De igual maneira que fan hoxe en día, os mordomos da ermida (o que hoxe ben sendo a Comisión de Festas) ían polas casas pedindo para a festa e, a diferencia do que hoxe acontece, recibían froito, que podía ser millo (en menor medida) e trigo. Todo o recadado vendíase e con eses cartos pagaban a festa; aparte do froito, algúns devotos entregaban cartos para a realización da festa.

Todo o recadado empregábase en pagar gastos de índole litúrxica: ao sacerdote que viña oficiar a misa, aos predicadores que traían de Mondoñedo para dar o sermón o día da festa (entre eles sobresae a figura de frei Mariano), aos cantores que axudaban ao prior e en cera para a velas.

Tamén existía unha grande partida de gastos lúdicos: o pago aos músicos e aos fogueteiros polos fogos de artificio que se tiraban.

Nas notas do libro de fábrica desta festa figura un gasto de 30 reais, pagados en 1871 aos “musicos rurales por asistir y tocar a la misa mayor el dia de la función; a las vísperas y acompañar a la imagen del Santo Obispo desde la Yglesia a su capilla”.

Polo tanto aquí temos a constatación documental de que o traslado da imaxe dende San Martiño ata o Bispo Santo continuaba a realizarse o día antes da festividade, tal e como acontecía no século XVII.

Esta festa do Santo, tanto o traslado, como a romaría ou o retorno da imaxe de San Gonzalo a San Martiño de Mondoñedo ten moita máis historia e tradición do que poidamos pensar.

 

 

 

Se algunha persoa quere preguntar algo sobre este tema, ou outros, pode facelo no seguinte correo electrónico cronistadefoz@gmail.com