Dec 10, 2024 | Bitácora Focega

Neste mes de decembro do 2024 terá lugar o primeiro centenario do falecemento de Eliseo Martínez Pillado; por esta razón coidamos necesario publicar unha serie de artigos encamiñados a dar luz sobre esta figura e a da súa esposa Pilar Otero Pillado.

Antes de comezar co tema deste artigo compre explicar, en primeiro lugar, cal foi a impronta que este matrimonio deixou no pobo de Foz.

Tal vez, as novas xeracións descoñezan a estes persoeiros, pero, seguramente, se collen o primeiro apelido de cada un deles verán que forman Martínez Otero; inmediatamente chegarán á conclusión que estamos a falar dun dos colexios privados existentes en Foz, non erran, pero quédanse escasos porque eses dous apelidos dan nome á Fundación Martínez Otero que engloba os dous colexios privados focenses ademais do asilo de anciáns que, a pesar de estar pechado hoxe en día, acolleu a centos e centos de persoas sen recursos.

Este matrimonio sen fillos, pero con descendentes directos pois tanto el como ela tiveron sobriños e irmáns, decide doar os seus bens raíces, mobles e monetarios para a creación da Fundación Martínez Otero, tal e como iremos explicando ao longo desta serie de artigos, da que se beneficiarán un bo número de nenos e nenas focegas, así como anciáns desamparados.

Máis sobre este matrimonio tense construído edificio baseado en falacias, mentiras intencionadas, erros repetidos ao longo do tempo que deron como resultado unha imaxe bastante distorsionada da que, en realidade, tiveron.

Ao longo do século que vai dende o seu falecemento ata hoxe en día fóronse vertendo, e transmitindo oralmente, unha serie afirmacións erróneas (descoñecemos si intencionadamente ou non) que neste artigo intentaremos corrixir.

Sobre o matrimonio, pero en especial sobre Eliseo Martínez Pillado tense dito que:

  1. Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.
  2. Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.
  3. O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.

Na consciencia de que seguramente se dixeron moitas máis cousas sobre este matrimonio intentaremos corrixir as tres anteriores.

Fixo a súa riqueza coa usura e co engano á hora de prestar cartos.

Temos escoitado que Eliseo Martínez prestaba cartos cun alto interese para mercar o gran necesario para a semente ou mercar certas propiedades, tamén se nos dixo que cando ías pagar, en tempo e forma, el convencíate de que non corría présa, que empregases os cartos en comida para os teus fillos. Tamén se oe que cando ías pagar el, curiosamente, non se atopaba na casa nunca, pero cando o prazo legal para pagar pasaba, entón si que aparecía para quedarse coas fincas que se empregaran como aval do préstamo. A bondade recibida cando se lle ía pagar en tempo transformábase en ansia propia dunha rapaz cando o tempo transcorrera.

Practicou Eliseo Martínez a usura? Pois non sabería responder a esta pregunta, polo menos ata que apareza documentación que acredite ou desminta o afirmado na pregunta.

Probablemente practicara a usura, ou non, iso, polo de agora non o sei. O que si sabemos é que non se fixo rico con esas prácticas pois el herdara a riqueza de seu pai.

Seu pai, Francisco Martínez del Río, escribán de profesión, fillo doutro escribán, Antón Martínez, aparece no ano 1848 (contaba Eliseo Martínez con seis anos) como o maior contribuínte de todo o concello de Foz. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (1848, 13 de decembro) así nolo di pois na relación de maiores contribuíntes aparecen: Francisco Martínez del Río, de Foz, pagando 1.548 pesetas; Antón Fernández, de Foz, pagaba 1.076; Francisco Mon, de Santa Cilla, 1.057; AntónPillado, de Nois, 913; Xosé Alonso Ramos, de Vilaronte, 861; Xaquín Fernández Pedrosa, de Fazouro, 743; Francisco Legaspi, de Santa Cilla, 496; Andrés López, de Foz, 472, Xosé Maañón, de Foz, 452; Manuel Louredo, de Cangas, 409; Nicasio Solveira, de Nois, 405 e Ramón Legaspi, de Santa Cilla, 404.

Nese mesmo ano de 1848, e para oficiar os actos fúnebres polo falecemento da súa esposa, Francisco Martínez “convocó a toda la clerecía del pais para solemnizar sus funebres funciones y acudieron treinta y uno, incluso el parroco que las celebraron segun el rito”. Poder pagar a asistencia de 31 sacerdotes, ademais de ordenar un cabodano coa participación de 10 sacerdotes, descargar mil misas pola ánima da súa esposa e doar mil reais aos pobres xa nos está a falar dunha posición económica bastante desafogada.

Situación da que fai gala cando o párroco de Foz, don Fruto Xosé Sarceda, lle pregunta, pasados dous meses do falecemento, si xa se dixeran as misas, Francisco Martínez presenta os recibos de ter dado todas as misas encargadas “advirtiendo qu elos 2.000 reales que ofreció dar de limosna, los elevó a 3.962”.

Mencionada posición que lle permite mercar entre os anos 1849 a 1861 un amplo número de propiedades, tanto rurais como urbanas.

No ano 1865, na lista composta polos cincuenta maiores contribuíntes de provincia de Lugo por territorial, aparecen dous homes en Foz: Francisco Martínez del Rio e Francisco Antón Pillado, dito doutra maneira, os maiores contribuíntes son o pai de Eliseo e seu avó materno. En 1871, nesa lista de cincuenta maiores contribuíntes da provincia, por territorial, volve aparecer Francisco Martínez, co número 34.

Esta desafogada posición económica é a que lle permite a Eliseo poder estudar en Monforte (1854-1867), posteriormente en Santiago (1860-64) e, finalmente, na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid (1964-65). Tres anos despois de rematar os estudos, entre 1868 e 1871, rexentará o cargo de administrador de rendas do fielato de Foz. Entre 1879 a 1882 e 1894 a 1897 ocupará o cargo de alcalde, así como o de deputado provincial. Descoñecemos o que cobraba por exercer este último cargo pero sabemos que no ano 1888 (El Eco de Galicia, 13 de febreiro) doara aos presos do cárcere de Ribadeo a cantidade de 120 pesetas, o equivalente ás dietas do mes de decembro do ano anterior.

No primeiro testamento outorgado por Eliseo Martínez, deixalle á súa dona todos os bens que mercasen durante o matrimonio, ademais de  “los correspondientes de sus recordados señores padres que radican en dicho partido de Mondoñedo y en los de esta capital (Estase a referir á cidade da Coruña), Rivadeo, Vivero y Villalba”, polo tanto xa tiña unha riqueza adquirida por parte familiar.

Amosa tamén a súa riqueza cando, tal e como se recolle na prensa (Correo Gallego, 1899, 31 de outubro), paga do seu propio peto os gastos ocasionados polas obras da traída de auga para o barrio de Marzán (Foz).

Queda logo claro que Eliseo xa herdara riqueza, que el incrementará cos seus negocios e polo seu matrimonio con Pilar Otero.

Non necesitaba da usura para facerse rico, xa o era; aínda que iso non quere dicir que non empregase a usura nos seus negocios.

Doaron todo o que posuían, cando tiñan preta a morte, para expiar os pecados que cometeran en vida.

Tampouco é correcta esta afirmación.

Se alguén se toma a molestia de consultar a relación testamentaria deste matrimonio verán que realizaron cinco testamentos: o de 1880, 1904, 1905 e 1909 cada un o seu e o de 1925, realizado por Pilar Otero trala morte do seu marido.

O primeiro é un testamento convencional no que o marido lega sobre a esposa e viceversa.

No de 1904 xa se menciona unha doazón de 12.000 pesetas para os pobres, cada un dos esposos, polo tanto son 24.000, cantidade considerable.

No testamento do ano 1904 xa aparece o desexo de fundar un asilo para pobres desamparados en Foz, aínda faltaban 20 anos para o seu falecemento. No do ano 1905 aparte do asilo xa aparece un colexio de nenos. Ambas fundacións perfílanse, dunha maneira máis clara, no testamento do ano 1909. Aínda lles faltaban 15 e 16 anos, respectivamente, para falecer; polo tanto o desexo de crear unha Fundación benéfico-docente en Foz, por parte deste matrimonio, non responde ao desexo, de última hora, de expiar polos pecados cometidos senón que era un desexo que tiñan ambos e que irán perfeccionando nos distintos testamentos que outorgan.

A única fundación de última hora é o colexio de nenas da Nosa Señora do Pilar, que aparece no testamento de 1925 e condicionada a súa construción á existencia de sobrantes, ou non, do asilo de anciáns desamparados.

O cemiterio nunca o quixo no lugar onde está porque o vía dende a súa casa e por iso se soterrou en San Cosme de Barreiros.

Tampouco é certa esta afirmación se temos en conta os distintos testamentos.

No redactado en 1904 estipulan ambos contraentes o seu desexo de ser amortuxados “con el hábito de San Francisco, en caja de madera, cubierta de bayeta negra y sin lujo, ni pompa, ni adorno alguno. Que se le dé sepultura cristiana en el cementerio de la parroquial de Santiago de Foz, en el punto ya designado para el testador, su esposa y familia suya colocando las cruces respectivas, con sus correspondientes inscripciones” o que nos fai pensar en que ían ser soterrados en terra.

Designan o único cemiterio existente, o que estaba a carón da igrexa parroquial, porque o cemiterio do Pico do Castro aínda estaba o proxecto en estudo. Proxecto que compartían e no que deciden participar doando a cantidade de 10.000 pesetas “destinadas a la construcción de un cementerio en la villa de Foz, y lega, además, el terreno que fuese preciso y conviniese hacerlo en alguno de su propiedad. Dispone se haga un panteón sencillo, para que en el descansen los restos de su esposa, Doña Pilar Otero, los suyos, los de sus padres, los de su hermano … Si el testador, o su esposa, falleciesen fuera de la villa de Foz, quiere y solicita de sus cumplidores trasladen los restos de donde hubieren sido sepultados sus cadáveres al cementerio de Foz y al panteón indicado”.

Polo tanto eles contaban, mellor dito, desexaban, ser soterrados no cemiterio de Foz. No testamento de 1909 estipulan que, en caso de non estar establecido legalmente o cemiterio que lles dean sepultura no de San Cosme de Barreiros, onde tiña Eliseo nicho familiar.

Descoñecemos cal foi a razón pola cal Eliseo e o alcalde de Foz, Reimunde Acevedo, se enfrontaron polo tema do cemiterio; o certo é que nun principio estiveron xuntos na elección dos terreos pero, posteriormente, acabaron enfrontándose.

Quedan estas palabras escritas aquí para desmentir, cando non erradicar, esas historias que pasaron oralmente de xeración en xeración ata converterse nunha lenda negra que se cerne sobre este matrimonio.