Deixámosvos parte do seu discurso:
Hai catro anos comezamos unha andaina ilusionante de compromiso co servizo público. Fixemos un pacto coas veciñas e veciños de Foz, no que un grupo de rapazas e rapaces con capacidade pero sen experiencia, con ideas socialistas, progresistas, centrados nas persoas, iamos esforzarnos polo mellor dos proxectos: mellorar o noso pobo, transformar as parroquias en lugares conectados, máis atractivos para vivir, converter a nosa vila nunha cidade amable, cómoda, que fora unha referencia na comarca da Mariña, traballar duro por Foz. Para iso sacrificamos moitas cousas.
Sacrificamos a privacidade, o anonimato, quizais certa liberdade, pero sobre todo o ben máis prezado que temos: o noso tempo. Tempo que lle sacamos ás nosas familias, aos amigos, aos nosos hobbys, ás nosas vidas. Un día coma hoxe quero pedir perdón polo tempo roubado á miña familia, pero especialmente a dúas rapazas que hoxe me acompañan e que se están a converter en dúas grandes mulleres, a Alba e a Nuria. É unha débeda que terei sempre con vosoutras.
Pasados catro anos, comezando unha nova lexislatura, quero dar as grazas de todo corazón a todos aqueles que me acompañaron nos bos, pero sobre todo nos malos momentos, que souberon coidarme, apoiarme e con cariño e bos consellos axudarme a seguir traballando e a esforzarme día a día. Dar as grazas aos amigos, aos traballadores municipais, a todos os compañeiros de partido e especialmente aos concelleiros que me acompañaron no goberno. Quero facer fincapé nos edís do meu grupo municipal, o socialista: a Inés, a Héctor, a Verónica, a Ana, a Chema, a Carlos, a Mili, a Javier, a Kathy. Non é fácil, sabédelo, moitas veces incluso ingrato, pero os feitos están aí e as obras quedan. Podedes estar ben orgullosos do esforzo, do compromiso, da honestidade e do traballo sincero destes catro anos con este pobo.
Acompáñanme hoxe dúas novas persoas, Ángel e Elena, que a min xa me demostraron a súa valía e que agora o van a facer a todas as veciñas e veciños de Foz: seguide remando como o estades a facer. Só espero que Foz saiba perdoar os erros que cometemos e os que quedan por cometer. Serán os menos porque o traballo honesto sempre dá bos froitos. Un día coma hoxe quero dar as grazas especialmente ás veciñas e veciños de Foz, porque coa súa confianza permitíronnos de novo seguir axudando a construír un pobo que queremos que sexa mellor para os nosos fillos. Moitas grazas polo voso apoio, a traballar!