Mar 5, 2024 | Foz ao día, Novas

Como cada ano, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, sumámonos a esta xornada de reivindicación e loita, pois é un día no que se celebran os dereitos conquistados polas mulleres en todos os ámbitos e conmemora a longa historia de loitas e sacrificios que tiveron que levar a cabo para acadalos.

A nosa programación de actividades prevista para este 8M está chea de reivindicación, cultura e moita forza.

  • Venres 8 de marzo:

Ás 19:00h: Concentración diante do Concello e lectura do manifesto. Contaremos coa colaboración do alumnado do IES de Foz, que fará a lectura dunhas verbas con moita paixón e cheas de empoderamento xuvenil.

Ás 20:30 horas: Teatro, coa obra Cigarreiras. É unha versión teatral de Cándido Pazó sobre a obra La Tribuna de Emilia Pardo Barzán, que conta as vidas das traballadoras e pioneiras no ámbito laboral da fábrica de Tabacos   coruñesa.

  • Domingo 10 de marzo: ás 12:00h, na Sala Bahía, teatro familiar con Sarabela Teatro e a súa Asemblea Xeral.
  • Martes 12 de marzo: ás 18:30h, na Casa da Cultura, contacontos pola Igualdade con Marisa Irimia, natural de Foz, co seu espectáculo Rapazas de conto, unha selección de contos feita para reflexionar sobre a desigualdade entre nenas e nenos, dunha forma teatral, dinámica e, sobre todo, moi, moi divertida. Historias que levarán ao público por corredoiras sorprendentes onde coñecerán mulleres valentes que escollen o seu propio destino e rompen cos estereotipos de xénero.
  • Domingo 17 de marzo: ás 11:00h na Sala Bahía, obradoiro no que nenas e nenos a partir dos 3 anos poderán gozar de diferentes actividades sobre a Igualdade.

No mes de abril, e en colaboración coa UNED-Aula Universitaria de Foz, exposición sobre a trata de mulleres, realizada desde o Servizo de Atención a mulleres vítimas de violencia, trata e explotación sexual, de Cáritas Diocesana de Lugo. Poderase visitar no Cenima.